COMUNICADO DA MESA GALEGA DA PSICOLOXÍA CLÍNICA
Ata o 68% do colectivo de profesionais de Psicoloxía clínica do SERGAS
pensou algunha vez en “cambiar de contexto profesional debido ás condicións de
traballo actuais”, alcanzando o 23,8% quen o considerou “a miúdo ou moi a
miúdo”, tal e como recolle unha enquisa realizada pola Asociación de Psicoloxía
Clínica do SERGAS (APCS) no ano 2025. Un desgaste profesional relacionado con
feito de que o colectivo é moi consciente de que non está atendendo ás persoas
como sabe que podería facelo, debido ás exixencias dun sistema que non
comprende as particularidades da Psicoloxía Clínica.
Este sistema, no que predomina un modelo médico cunha visión bioloxicista
da saúde, ignora as características necesarias dos tratamentos psicolóxicos
eficaces en canto a frecuencia e calidade, repercutindo directamente na
atención aos pacientes, con longas listas de espera e obxectivos que se afastan
do considerado terapéutico.
Isto forma parte da realidade na que se atopan o conxunto de profesionais
da Psicoloxía Clínica, unha especialidade facultativa que ven desenvolvendo a
súa actividade profesional (asistencial, docente, investigadora e xestora) na
Sanidade Galega dende hai máis de cincuenta anos, con dotación no cadro de
persoal do SERGAS de máis de douscentos especialistas, que exercen funcións
tanto en Atención Primaria como Hospitalaria e responden a necesidades e
demandas dos diferentes servizos e especialidades médicas (cardioloxía,
neurocirurxía, rehabilitación, medicina interna, obstetricia, oncoloxía,
psiquiatría, medicina de familia e comunitaria, pediatría…) e que adquiren a
súa formación especializada no marco das Institucións Sanitarias a través do
seu programa Interno-Residente específico, de catro anos de duración (PIR).
Aínda así, este colectivo profesional, que soporta unha alta e crecente
demanda asistencial, permanece integrado nos servizos de Psiquiatría igual que
hai máis de corenta anos, cando nin existía a Lei Xeral de Sanidade nin o
Sistema Nacional de Saúde. Dita posición estrutural, fai que a súa actividade
sexa organizada e dirixida por profesionais dunha especialidade médica, a
Psiquiatría, que é allea á súa formación, coñecementos, e capacidades
profesionais, con resultados que dificultan o bo desempeño e limitan a
capacidade de resposta ás necesidades asistenciais da poboación, favorecendo a
desmotivación das e dos profesionais e imposibilitando o seu desenvolvemento
profesional, unha situación que non se da en ningunha outra categoría
facultativa.
Ante esta situación, outros servizos de saúde autonómicos están
desenvolvendo a creación de Servizos de Psicoloxía Clínica (sendo o Servizo
Catalán de Saúde o que xa está a dar concreción a esta nova realidade) nos que
os e as profesionais da Psicoloxía Clínica organizan a súa actividade nas
institucións sanitarias para dar resposta á demanda asistencial, formativa, e
investigadora específica desta especialidade. Tan só como sucede con calquera
outra.
Por esta razón, dende hai un ano, quen abaixo asinamos, vimos traballando
na definición do Proxecto de Servizo de Psicoloxía Clínica no marco
institucional do SERGAS, co apoio da práctica totalidade de profesionais da
Psicoloxía Clínica do SERGAS e co unánime acordo a esta demanda da profesión en
Galicia.
Para dar o trato adecuado a esta especialidade sanitaria e aos seus
facultativos, pero sobre todo para que a mesma poida organizar a súa actividade
e os seus recursos do xeito máis efectivo, sendo dirixida por quen coñece a
capacidade dos seus profesionais, para así avanzar na mellora da resposta ás
necesidades de atención psicolóxica especializada da poboación e a comunidade
da que é responsable o Servizo Galego de Saúde, damos a coñecer publicamente
o inicio das actuacións necesarias para que a Consellería de Sanidade e o
SERGAS asuman a tarefa de creación de Servizos de Psicoloxía Clínica en toda as
áreas sanitarias.
En Santiago, a 5 de Maio de 2026
MESA GALEGA DA PSICOLOXÍA CLÍNICA.
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Asociación de Psicoloxía Clínica do Sergas
Asociación Galega de Psicólogos Internos Residentes
