Por el progreso de la psicología


POR EL PROGRESO DE LA PSICOLOGÍA


POR LA ORGANIZACIÓN COLEGIAL DEMOCRÁTICA

EN CUMPLIMIENTO DE NUESTRA OBLIGACIÓN CIUDADANA

¡PORQUE ESTAMOS INDIGNADOS CON EL COP!


DECLARACIÓN POR LA DEMOCRATIZACIÓN DEL COP Y EL DESARROLLO DE LA PSICOLOGÍA



martes, 5 de mayo de 2026

URXE CREAR SERVIZOS DE PSICOLOXÍA CLÍNICA NO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE




COMUNICADO DA MESA GALEGA DA PSICOLOXÍA CLÍNICA 

Ata o 68% do colectivo de profesionais de Psicoloxía clínica do SERGAS pensou algunha vez en “cambiar de contexto profesional debido ás condicións de traballo actuais”, alcanzando o 23,8% quen o considerou “a miúdo ou moi a miúdo”, tal e como recolle unha enquisa realizada pola Asociación de Psicoloxía Clínica do SERGAS (APCS) no ano 2025. Un desgaste profesional relacionado con feito de que o colectivo é moi consciente de que non está atendendo ás persoas como sabe que podería facelo, debido ás exixencias dun sistema que non comprende as particularidades da Psicoloxía Clínica.

Este sistema, no que predomina un modelo médico cunha visión bioloxicista da saúde, ignora as características necesarias dos tratamentos psicolóxicos eficaces en canto a frecuencia e calidade, repercutindo directamente na atención aos pacientes, con longas listas de espera e obxectivos que se afastan do considerado terapéutico.

Isto forma parte da realidade na que se atopan o conxunto de profesionais da Psicoloxía Clínica, unha especialidade facultativa que ven desenvolvendo a súa actividade profesional (asistencial, docente, investigadora e xestora) na Sanidade Galega dende hai máis de cincuenta anos, con dotación no cadro de persoal do SERGAS de máis de douscentos especialistas, que exercen funcións tanto en Atención Primaria como Hospitalaria e responden a necesidades e demandas dos diferentes servizos e especialidades médicas (cardioloxía, neurocirurxía, rehabilitación, medicina interna, obstetricia, oncoloxía, psiquiatría, medicina de familia e comunitaria, pediatría…) e que adquiren a súa formación especializada no marco das Institucións Sanitarias a través do seu programa Interno-Residente específico, de catro anos de duración (PIR).

Aínda así, este colectivo profesional, que soporta unha alta e crecente demanda asistencial, permanece integrado nos servizos de Psiquiatría igual que hai máis de corenta anos, cando nin existía a Lei Xeral de Sanidade nin o Sistema Nacional de Saúde. Dita posición estrutural, fai que a súa actividade sexa organizada e dirixida por profesionais dunha especialidade médica, a Psiquiatría, que é allea á súa formación, coñecementos, e capacidades profesionais, con resultados que dificultan o bo desempeño e limitan a capacidade de resposta ás necesidades asistenciais da poboación, favorecendo a desmotivación das e dos profesionais e imposibilitando o seu desenvolvemento profesional, unha situación que non se da en ningunha outra categoría facultativa.

Ante esta situación, outros servizos de saúde autonómicos están desenvolvendo a creación de Servizos de Psicoloxía Clínica (sendo o Servizo Catalán de Saúde o que xa está a dar concreción a esta nova realidade) nos que os e as profesionais da Psicoloxía Clínica organizan a súa actividade nas institucións sanitarias para dar resposta á demanda asistencial, formativa, e investigadora específica desta especialidade. Tan só como sucede con calquera outra.

Por esta razón, dende hai un ano, quen abaixo asinamos, vimos traballando na definición do Proxecto de Servizo de Psicoloxía Clínica no marco institucional do SERGAS, co apoio da práctica totalidade de profesionais da Psicoloxía Clínica do SERGAS e co unánime acordo a esta demanda da profesión en Galicia.

Para dar o trato adecuado a esta especialidade sanitaria e aos seus facultativos, pero sobre todo para que a mesma poida organizar a súa actividade e os seus recursos do xeito máis efectivo, sendo dirixida por quen coñece a capacidade dos seus profesionais, para así avanzar na mellora da resposta ás necesidades de atención psicolóxica especializada da poboación e a comunidade da que é responsable o Servizo Galego de Saúde, damos a coñecer publicamente o inicio das actuacións necesarias para que a Consellería de Sanidade e o SERGAS asuman a tarefa de creación de Servizos de Psicoloxía Clínica en toda as áreas sanitarias.

 

En Santiago, a 5 de Maio de 2026

 

 

MESA GALEGA DA PSICOLOXÍA CLÍNICA.

Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

Asociación de Psicoloxía Clínica do Sergas

Asociación Galega de Psicólogos Internos Residentes