Polo dereito a unha atención pública e de calidade da saúde sexual e reprodutiva
Estamos vivindo un grave retroceso dos dereitos das persoas en xeral, e
dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, en particular. Estes
dereitos sexuais e reprodutivos están recollidos como dereitos humanos
fundamentais en todos os tratados internacionais desde os anos 90.
Foron subscritos polo goberno español e polo tanto son de obrigado
cumprimento tamén para o goberno galego.
A agresión máis visible a
estes dereitos é a modificación prevista do goberno do Partido Popular
da Interrupción Voluntaria do Embarazo, usurpando ás mulleres o seu
dereito a decidir se desexan ser nais, e en que momento das súas vidas
queren facelo.

Pero hoxe queremos chamar a atención doutras agresións á saúde sexual e
reprodutiva das mulleres, que pasan moito máis desapercibidas para a
cidadanía como son, por un lado, a eliminación da educación sexual e
afectiva das escolas na nova lei do PP, renunciando deste xeito á
promoción da afectividade e sexualidade, un dos aspectos máis
importantes da vida das persoas; dificultando a prevención dos riscos
que poden estar asociados ás condutas sexuais e afectivas; e deixando
de tratar na escola a relación entre afectividade, sexualidade, respecto
pola parella, igualdade de xénero e a prevención da violencia de
xénero.
Por outra banda, a deterioración progresiva de todos os
servizos e prestacións da sanidade pública competentes para a atención
da saúde sexual e reprodutiva e para a prevención dos posibles problemas
relacionados con ela: embarazos non desexados, infeccións de
transmisión sexual, problemas sexuais e de parella, agresións sexuais,
etc.
Na actualidade os Centros de Planeamento Familiar (COF) son os
únicos dispositivos públicos especializados na atención integral á saúde
sexual das mulleres. Son os únicos centros con competencias, aínda coa
súa diversidade, no abordaxe integral socio-sanitario-afectivo-sexual, anticoncepción en todos os seus tipos, interrupción legal de embarazo,
exame de saúde xinecolóxico periódico, esterilidade, atención á
problemática sexual e da parella e actividades educativas e de promoción
da saúde afectivo sexual. E ademais, moi importante, todas estes
servizos realizados con acceso directo, nun ámbito privado e
confidencial no que a muller decide con información e liberdade. Son os
centros de referencia e de formación do persoal de atención primaria e
do persoal sanitario en formación.
Os Centros de Saúde son os
dispositivos básicos de atención e de acceso en todo o territorio. A
rede de atención primaria , (persoal administrativo, de enfermería,
mediciña de familia, pediatría, traballo social,...), debería ser
competente tanto por recursos, como por capacitación e tempo para
prestar unha atención sexual e reprodutiva de calidade a todas as
mulleres, incluíndo anticoncepción, atención preconcepcional, embarazo e
postparto, orientación da demanda de interrupción legal de embarazo,
exame de saúde xinecolóxico periódico, detección e orientación inicial
na problemática sexual e da parella, menopausa e realización de
actividades comunitarias de educación sexual e afectiva.
Polo
dereito a unha atención pública e de calidade da saúde sexual e
reprodutiva QUEREMOS DENUNCIAR a perda de prestacións públicas galegas
na atención da saúde sexual e reprodutiva das mulleres, definido por:
1.
Desmantelamento progresivo da rede de COF: Falta de cobertura das
prazas do equipo básico interdisciplinar (persoal administrativo, de
enfermería ou especialista en enfermería obstétrica-xinecolóxica,
psicoloxía clínica, traballo social e xinecoloxía); centros nos que hai
profesionais que comparten actividade noutros dispositivos sanitarios
diferentes (outras consultas de xinecoloxía, de saúde mental,…) ou,
nalgúns casos, que non se adaptan ao perfil profesional adecuado a este
tipo de centros; non cobertura de xubilacións; sobrecarga asistencial. O
SERGAS está abandonando esta rede de centros reducindo os seus recursos
e prestacións progresivamente. Actualmente as mulleres galegas reciben
unha atención desigual xa que os COF actuais non son capaces de cumprir
as súas funcións en todos os casos.
2. A consulta ordinaria de
xinecoloxía non atende este tipo de demanda salvo o exame de saúde
xinecolóxico e en algúns casos anticoncepción.
3. Os Centros de
Saúde, salvo excepcións dalgunha área de saúde e algúns profesionais de
mediciña e especialistas en enfermería obstétricaxinecolóxica, non
prestan atención de saúde sexual e reprodutiva. Atención primaria, en
xeral, non está realizando exame de saúde xinecolóxico. Salvo algúns
casos nos que se ofrece anticoncepción hormonal ou se realiza prevención
de cancro de útero, podemos dicir que atención primaria non cumpre coas
súas funcións. É o lugar idóneo para a atención da saúde sexual e
reprodutiva pero precisa tempo, capacitación e implicación para poder
asegurar este servizo con calidade ás mulleres e en todo o territorio.
Non se pode dicir cun mínimo de seriedade que as mulleres van recibir
esta atención nos centros de saúde sen programar previamente formación e
dotación de recursos.
4. Moitos métodos anticonceptivos
hormonais van deixar de ter financiamento público a partir do 1 de
agosto, polo que moitas mulleres non poderán mercalos ao encarecerse dun
modo importante o seu prezo.
5. A ameaza de que a
anticoncepción de urxencia deixe de ser de libre dispensación. Este
deterioro da atención a saúde sexual e reprodutiva afecta máis
especificamente á saúde das mulleres que, como colectivo, sofren de novo
a vulneración dos seus dereitos e da súa liberdade. As políticas
actuais reafirman unha única identidade feminina asentada na
maternidade, apropiándose de novo do corpo e da sexualidade das mulleres
e incrementando as desigualdades existentes entre sexos.
Por
todo isto, facemos un chamamento á cidadanía para que participe na
manifestación convocada para o día 16 de xuño en Santiago e rexeite con
rotundidade a nova lei reguladora do aborto e da saúde sexual e
reprodutiva do PP, e esixa o dereito a unha atención de calidade,
pública e gratuíta da saúde sexual e reprodutiva con capacidade de
decisión libre e informada.
Os colectivos Plataforma SOS Sanidade
Pública, o colectivo de traballador@s dos Centros de Orientación
Familiar de Galicia, Colexio Oficial de Psicologia de Galicia,
Asociación de Psicología Clinica do SERGAS e Plataforma pola Defensa do
Dereito ao Aborto.
RECLAMAMOS:
1. A integración da educación afectiva e sexual en todos os niveis da educación, desde infantil ata bacharelato.
2. A permanencia dos COF de carácter público, interdisciplinario e con persoal e medios suficientes, axeitados e accesibles.
3.
A implantación e consolidación en atención primaria dun programa da
muller, integral e de calidade, co apoio dos Centros de Planeamento
Familiar
4. Financiamento público de todos os métodos anticonceptivos.
5. Dereito ao aborto gratuito, realizado na sanidade pública e con respecto á libre decisión da muller.